Index | Presentación | Hemeroteca | Coordinación | Comité | Ilustración | Contacto
CLAUDIO RODRÍGUEZ FER
Presentación
Escritor lucense. Como poeta publicou os poemarios eróticos Poemas de amor sen morte, Tigres de ternura, Historia da lúa, A boca violeta e Cebra, reunidos en Vulva e antologados en A muller núa, así como Cinepoemas, Lugo blues, Extrema Europa, A unha muller descoñecida, Moito máis que mil anos (antoloxía céltica efectuada por María Lopo), Rastros de vida e poesía, A loita continúa, Viaxes a ti, Ámote vermella e Unha tempada no paraíso. É autor de diversas obras narrativas -como Meta-relatos ou Os paraísos eróticos- e críticas -como A Galicia misteriosa de Ánxel Fole, Poesía galega, Antonio Machado e Galicia, Arte literaria, A literatura galega durante a guerra civil, Acometida atlántica, Ánxel Fole. Vida e obra, Guía de investigación literaria e máis dunha vintena de edicións en torno a moi diversos autores. Reuniu a súa poesía en Amores e clamores e a súa narrativa en Contos e descontos.
Foi catedrático de ensinanza media en
Galicia e profesor das Universidades da Cidade de Nova York, da Alta
Bretaña, da Bretaña Sur e de Santiago de Compostela, onde se ocupa de
Moenia.
Revista Lucense de Lingüística e Literatura,
e da Cátedra de Poesía e Estética José Ángel Valente, poeta este
sobre quen publicou varios libros e edicións. Coordina,
con Carmen Blanco, Unión Libre. Cadernos
de vida e culturas.
Entre outras distincións, recibiu, no terreo poético, o Premio da Crítica Española; no investigador, dúas veces o Premio Losada Diéguez; no académico, o Premio Extraordinario de Doutoramento; no cívico, o Premio Galiza Mártir pola Recuperación da Memoria Histórica, e, no internacional, o Doutoramento Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña. Foi traducido a numerosos idiomas e realizou obras cos artistas Granell, Ochoa e Sara Lamas, así como a carpeta A vida. Gravados sobre corpo. Sobre a súa obra publicáronse os libros Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer, de Olga Novo, e Os mundos de Claudio Rodríguez Fer de Natalia Regueiro.
Ver bibliografía de Claudio Rodríguez Fer
Index | Presentación | Hemeroteca | Coordinación | Comité | Ilustración | Contacto