Index | Presentación | Hemeroteca | Coordinación | Comité | Ilustración | Contacto
CARMEN BLANCO
Escritora lucense. Como pensadora, ensaísta e investigadora tratou os temas de poder, muller, sexo, cultura e literatura, abrindo un camiño libertario cos libros Literatura galega da muller; Escritoras galegas; Libros de mulleres; O contradiscurso das mulleres; Nais, damas, prostitutas e feirantas; Mulleres e independencia; El contradiscurso de las mujeres; Luz Pozo Garza: a ave do norte; Alba de mulleres; Sexo e lugar ou Feministas e libertarias.
Publicou debuxo e deseño desde os anos setenta, poesía desde a década dos oitenta e relatos desde a dos noventa. Como narradora editou os libros Vermella con lobos e Atracción total. E como poeta deu a coñecer, entre outras obras, Un mundo de mulleres ou Lobo amor.
Promoveu o feminismo independente en Galicia dende os anos setenta. Utiliza o pseudónimo Emma Luaces, en homenaxe a Emma Goldman e á súa propia liñaxe materna. É secretaria da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, presidida por Claudio Rodríguez Fer; foi membro do Consello da Memoria e Premio Galiza Mártir pola Recuperación da Memoria Histórica. Con Rodríguez Fer creou en 1974 a plataforma Unión libre e desde 1996 coordina con el a publicación Unión libre. Cadernos de vida e culturas, onde organizou o primeiro monográfico, “Mulleres escritoras”.
Exerce como profesora de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Humanidades, e anteriormente foi profesora de Lingua e Literatura Españolas de Ensinanza Media e de Lingua e Literatura Galegas, tanto de Ensinanza Media como da Facultade de Formación do Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela. Sobre literatura e cultura galega publicou numerosos libros de entrevistas, ensaios, estudos e tradución. Así mesmo colaborou en distintos medios periodísticos e obras colectivas.
Ver
bibliografía de Carmen Blanco
Index | Presentación | Hemeroteca | Coordinación | Comité | Ilustración | Contacto