Index | Presentación | Hemeroteca | Coordinación | Comité | Ilustración | Contacto
O
PUNK E A REVOLTA BRANCA DOS CLASH
Por Santiago
Lopo Punk: Desprovisto de valor ou sentido; de calidade pobre; decepcionante; sen sentido; (coloquial) podre. Punk
rock: Estilo de música
rock, ruidoso e rápido,caracterizado por unha letra e unha posta en
escena agresiva e
deliberadamente escandalosa. Clash:
Sobresalto debido a un conflicto; colisión,
encontro hostil, conflicto. The Oxford English
Dictionary, 1994
O
punk revelouse a tendencia musical máis provocadora do século. O grupo
británico The Clash, nacido deste movemento, conseguiu manterse máis cós
seus contemporáneos. Este feito orixinou unha interesante e discutida
evolución que converteu os Clash nun símbolo de referencia musical e
sociolóxico. O
nacemento
Poucos pensaban que naquel Londres de 1976, catro mozos de orixes
diversas ían constituír unha banda de culto cunha influencia decisiva no
devir musical da fin do século. O seu líder e vocalista, Joe Strummer (to strum: tocar un instrumento; actividade que lle proporcionaba algúns
peniques no metro), naceu e viviu dezaoito meses en Ankara, dezaoito meses
en Exipto, dous anos en México, dous anos na República Federal Alemana e
finalmente trasladouse a Epson, a vinte quilómetros de Londres. O seu pai
traballaba no Foreign Office, e polas veas do seu proxenitor tamén corría
sangue escocés e armenio. «O colexio era un completo aburrimento. Ós
dezasete marchei para á escola de arte. Tío, foi o maior timo que nunca
vin. Había unha chea de tipos saídos, fumando Senior
Service, con xerseis de cisne, intentando liarse con todas aquelas
fillas de dentistas e doutores que andaban en minisaia. Despois de tomarme
algunhas drogas, cousas como aquela empezaron a semellar divertidas.»
(HENKE 1980).
Dous membros do grupo, Mick Jones e Paul Simonon viñan de Brixton,
un gueto de inmigrantes en South London, e os dous sufriron o divorcio dos
seus pais sendo moi novos. O cuarto dos Clash, Nicky «Topper» Headon,
que substituíu o batería dos inicios Terry Chimes, procedía dunha
familia de clase media de Dover. O seu pai era director dun colexio de
primaria e a súa nai profesora. Marchou de casa ós dezaseis anos. A
termo clash define á perfección a traxectoria deste grupo. Pensaran en
chamarse Psychotic Negatives, pero como declara Paul Simonon: «Un día,
estaba lendo os xornais e a palabra clash
repetíase sempre.» (MTV 1991). E así empezou todo.
A mediados dos 70, Inglaterra estaba sumida nunha forte crise
socioeconómica e política, con partidos de ideoloxía neonazi coma o
National Front, que anunciaban a inevitable
chegada do Thatcherismo. Os grupos punk xurdiron como resposta a un
sistema que xa non se tiña en pé. Os máis coñecidos ó principio foron
os Sex Pistols. Anteriormente chamados Swankers («fachendosos»), os Sex
Pistols estaban formados por Steve Jones, Paul Cook, Glen Matlock
(substituído en 1977 por Sid Vicious) e Johnny Rotten (Johnny «Podre»).
O grupo fíxose famoso pola violencia dos seus concertos, culminada cunha
actuación no 100 Club de
Londres (precisamente o club no que anunciaron a súa volta en 1996).
Neste concerto unha rapaza quedou cega debido a unha rotura de cristais na
que estivo implicado Sid Vicious. A provocación dos Pistols era continua.
Escandalizaron a flegmática sociedade británica durante unha épica
entrevista en televisión, foron expulsados das discográficas, (primeiro
de EMI e logo de A&M, na que duraron unha semana), con Virgin
publicaron o irreverente «God Save The Queen»
(«Deus salve a Raíña»), durante a celebración dos 50 anos de
reinado. En 1979 Sid Vicious foi acusado de asasinar a puñaladas a súa
moza. En liberdade baixo fianza, acabou morrendo dunha sobredose de heroína.
Tiña 21 anos.
The Clash comezaron a tocar no verán de 1976, seis meses despois
da aparición dos Sex Pistols. Paul Simonon e Mick Jones lembran aqueles
primeiros momentos da Anarchy Tour
(1976) cos Sex Pistols: «Fixemos unha xira cos Sex Pistols pero só
tocamos dúas ou tres veces, debido ás prohibicións dos concertos.
Naquel tempo adoitaban facelo. E a comunidade relixiosa da cidade saíache
cantando himnos e cousas desas no lugar da actuación.» (MTV 1991). Como
sinala Greil Marcus (MARCUS 1998), no concerto dos Sex Pistols en
Winterland (San Francisco, 14 de xaneiro de 1978) un grupo de evanxelistas
distribuía á entrada uns pasquíns co seguinte texto: «Hai un Johnny
Rotten dentro de cada un de nós e non debe ser liberado: debe ser crucificado.».
Sen embargo, existe unha clara diferencia entre o punk de grupos
como os Sex Pistols e o dos Clash. Aínda que compartiron cartel na Anarchy Tour, e a súa relación sempre foi boa, a música de Johnny
Rotten, Sid Vicious e compañía era pesimista e transmitía un agre e tráxico
nihilismo, o que daba a razón a moitos críticos que defendían que o
punk levaba dentro a semente da súa autodestrucción. Todo o contrario
dos Clash. A non-acción era rexeitada dende as súas letras combativas,
que alzaban a voz da protesta e chamaban á loita, pensando con optimismo
que a nova xeración podería mudar algo. Pese a este distanciamento ideolóxico
cos Sex Pistols, non pensemos que os Clash eran uns santos. Aínda que non
lles gustaba automutilarse en público, ou practicaren o piercing,
nos seus inicios animaban o público a cuspirlles. Así foi como Strummer,
capturando intencionadamente coa boca un regaliño,
contraeu unha hepatite. A traxectoria dos Clash está intimamente ligada
ós xulgados, con múltiples condenas por escándalo público. En
1980, Strummer foi arrestado en Hamburgo por lle escachar a
guitarra na cabeza a un fan. Outra vez, Simonon e Headon estaban entreténdose
disparándolle a unhas pombas dende o tellado do seu lugar de ensaio,
e a policía pensou que se trataba de francotiradores dalgún grupo
terrorista. Foron mobilizados un helicóptero, tres coches de policía, un
furgón, e varios membros das forzas especiais irromperon no local. Uns
centos de libras foi a pena que tiveron que pagar. No vídeo biográfico Rude
Boy (HAZAN, TINGAY 1980), pódese apreciar o momento no que saen do
xulgado. A propósito deste vídeo, cómpre dicir que os Clash nunca
estiveron de acordo en que vise a luz, xa que, segundo eles, a maior parte
das escenas estaban preparadas. A calidade da historia é pésima e só se
salvan as actuacións en directo, nas que observamos a intensidade que
reinaba nos seus concertos. Unha intensidade que sufría directamente o
mobiliario dos locais. Algo que os Clash tentaron eliminar foron as
cadeiras das salas de concertos (HENKE 1980), por dous motivos principais:
a xente non podía bailar e as cadeiras transformábanse en armas
arroxadizas, podios improvisados ou simplemente en chivos expiatorios da
furia dos asistentes. Os locais de concertos non querían retiralas, entre
outras cousas porque deste xeito conseguían renovar o seu mobiliario a
costa dos grupos punk, que tiñan que pagar os danos producidos.
Os Clash tamén sorprendían ós seus achegados con medidas como
non tocar se non se doaba o 10% da recadación á beneficencia local, como
aconteceu nos Estados Unidos nun festival preto de San Bernardino (HILBURN
1984), ou vender os álbumes London Calling (doble álbum) ou Sandinista!
(triple álbum) ó prezo correspondente a un disco, coa conseguinte liorta
coa súa discográfica. A
mensaxe
Escribiuse moito sobre a ideoloxía de esquerdas das súas letras.
Joe Strummer recoñeceu que naquela época nin sequera sabían quen era
Friedrich Engels, pero a política estaba en fronte súa, na rúa. Iso
impedíalles manterse á marxe. (CROMELIN 1988). Eles eran o mensaxeiro da
revolución e asumían o seu rol. A proximidade cos problemas facilitaba a
redacción de versos sobre as penurias da vida cotiá. Para obter algo de
diñeiro, Strummer chegou a traballar en labouras tan dispares como as de
«fregapratos, sepultureiro, cociñeiro ou limpador de retretes»
(CROMELIN 1988). De aí os versos memorables sobre as posibilidades de
atopar un emprego «digno» de «Career opportunities» (1977) («Oportunidades de facer carreira»), unha canción escrita
despois de que o líder do grupo chegase á súa casa okupa cun dos míseros
cheques mensuais que a Seguridade Social daba ós parados: I
hate the army and I hate the R.A.F I
don't wanna go fighting in the tropical heat I
hate the civil service rules And
I won't open letter bombs for you Odio
o exército e odio a RAF Non
quero ir loitar na calor tropical Odio
as normas dos funcionarios E
non abrirei cartas bomba para ti
Algunhas das consignas dos Clash levan tal carga de significado
comprimido que cando se liberan perduran a través do tempo. Así, versos
como os que a continuación reproducimos de «Guns of Brixton» (1979) («Pistolas
de Brixton»), teñen sido empregados nos nosos días por cantantes como
Fermín Muguruza (líder dos extintos Negu Gorriak): When
they kick at your front door How
you gonna come? With
your hands on your head Or
on the trigger of your gun? Cando
lle dean unha patada a túa porta ¿Como
vas sair? ¿Coas
mans na cabeza? ¿Ou
no gatillo da túa pistola?
A censura, denunciada varias veces nas súas cancións, era
presentada de forma irónica como en «Complete control» (1977) («Control
absoluto»), onde atacaban a súa casa discográfica (!) e parodiaban os
críticos que anunciaban a súa pronta desaparición: They
said we'd be artistically free When
we signed that bit of paper They
meant let's make lots of money And
worry about it later Dixeron
que teriamos liberdade artística cando
asinamos aquel anaco de papel Querían
dicir «fagamos unha chea de cartos» E
preocupémonos do outro máis tarde All
over the news spread fast They're
dirty, they're filthy They
ain't gonna last! Por
todas partes correu a nova Son
sucios, noxentos, ¡Non
van durar!
As letras compoñíanas do xeito que nos conta Jones: «El
(Strummer) sentaba cunha máquina de escribir. Eu adoitaba poñerme en
fronte súa. Cando tiña algo, dábame unha folla de papel e eu tocaba
unha melodía. Cando remataba xa tiña outra.» (CAWS 1995). Os
versos irónicos e punzantes foron un dos alicerces do éxito dos Clash.
Así en «Know your Rights» (1981)
(«Coñece os teus Dereitos»), o ataque á autoridade non pode ser máis
directo: You
have the right not to be killed Murder
is a crime Unless
it was done by a Policeman or aristocrat You
have the right to free speech As
long as you're not dumb enough to actually try it Tes
dereito a que non te asasinen O
asasinato é un crime A
non ser que o fixese un policía ou un aristócrata Tes
liberdade de expresión Con
tal de que non sexas tan parvo como para practicala.
O público dos seus concertos cambiaba totalmente nos Estados
Unidos. A xuventude marxinal, analfabeta ou obreira do Reino Unido mudábase
nunha mocidade de clase media estadounidense, uns universitarios con ganas
de xogar a seren malos e que tamén querían unha revolta branca «de seu»,
emulando con snobismo os problemas padecidos polos seus conxéneres das
Illas. Como declara Strummer: «Sentímonos vinculados ó público, pero
tamén o odiamos. O mellor xeito de explicalo é imaxinar que estás nun
peirao e aparecen unha chea de peixes. 10.000 peixes que te viñeron ver,
abrindo as súas bocas. ¿Entendes o que che digo?» (GOLDBERG 1982).
Sen embargo, co paso do tempo, os Clash atoparon no mercado
estadounidense un público máis receptivo á evolución da banda, algo
que nas Illas nunca lles perdoaron, acusándoos de americanizarse e de ser
uns peseteiros. Este claro divorcio co seu público de sempre implicou
unha drástica reducción no número de concertos ofrecidos no Reino
Unido. A música
Podemos preguntarlles a un rapeiro, un rockabilly, un punk, un
rastafari e moitos máis se lles gustan os Clash e dirannos que si. ¿Traizón
ós principios punk? Si e non, pero tamén ousadía, creatividade e
talento. Cando comezaron no 76, os seus coñecementos musicais eran
practicamente nulos. Por
exemplo, Simonon aprendeu a tocar o baixo sobre a marcha, ensinado por
Mick Jones. Non obstante, en febreiro de 1977 asinaron coa CBS un
contrato de 100.000 libras para realizaren o seu primeiro álbum. Todo
gracias ó seu manager, daquela Bernard Rhodes, moi relacionado co mundo
dos Sex Pistols. Gravárono en tres fins de semana. O batería deste
primeiro disco foi Terry Chimes (alcumado Tory
Crimes -Crimes dos Tory- para a ocasión).
¿E que dicir da voz de Strummer? Velaí algúns dos confusos
adxectivos dos xornalistas da súa época para definir esta mestura case
incomprensible de acento cockney
londiniense, ataques á gramática, alcohol e marihuana: «fea, ronca,
gutural, groseira, bárbara, amusical, repulsiva, de ultratumba, voz de
home da rúa...». Cando a esta voz esgorxada se lle unía o que un
executivo de Epic Records denominou en 1977 «son de lata de conserva», o
resultado é o que eles mesmos relatan no seguinte extracto: «É gracioso
o que a xente escoita algunhas veces. Coma este fulano que pensou durante
meses que estabamos a cantar «quite right» (bastante ben) no canto de «white
riot» (revolta branca) -risas histéricas
do resto do grupo mentres lembran e cantan os coros «quite right» en vez
de «white riot». » (WEATHERMAN 1977).
Como con tantas outras bandas, e igual que acontece cos bos viños,
o tempo foinos envellecendo para que ó cabo duns anos a calidade
aumentase. Habería que agardar ata finais de 1979 para que a peza mestra
da súa discografía aparecese. O álbum London
Calling (literalmente «Londres Chamando», frase que iniciaba as
emisións da BBC durante a Segunda Guerra Mundial) foi escollido pola
prestixiosa revista Rolling Stone como «álbum da década». Este disco recolle todas
as influencias musicais do grupo, demostrando a profundidade da súa
cultura melódica. Respecto á pluralidade de estilos, Strummer declaraba:
«Estaría ben ser un banda da que non houbese un preconcepto. Cando
toquemos o que queiramos no escenario -quizais jazz- e non teñamos que
facer o que a xente agarda, iso será un gran paso.» (HENKE 1980). «Non
somos minimalistas», dicía Mick Jones, «onde a maioría de grupos punk
tentan levar unha liña nos tentamos levar todas as posibles.» (GOLDBERG
1982).
A presencia de cancións reggae, orixinais ou versións, no
historial dos Clash é moi salientable. Hai que destacar versións como «Police
and Thieves» (1977) («Policías e Ladróns»)
ou a excelente versión de «Armagidion Time» (1979) («Tempo de
Harmaguedón»), aparecida no devandito London Calling, onde os compases
do reggae condúcennos paseniño ó hipnotismo do dub, cun fondo rítmico
ó que se engaden voces, ecos, e diversos sons que rematan co lanzamento
de pelotas de goma e gases lacrimóxenos, sempre acompañados do triste
laio de Strummer: A
lot of people won't get no supper tonight A
lot of people won't get no justice tonight The
battle is getting hotter In
this iration, Armagidion time Moitos
non cearán esta noite Moitos
non obterán xustiza esta noite A
batalla recrúa Nesta
ira, tempo de Harmaguedón.
Todos témonos preguntado máis de unha vez de onde sacaron os
Clash esa inquedanza por Andalucía, Lorca e a Guerra Civil, e cal era a
razón de que ás veces cantasen algunhas frases en pseudo-español. A
resposta atopámola na grande amizade que Strummer contraeu con dúas
rapazas de Málaga, que vivían na súa casa okupa en Londres, xunto a un
navarro, un chileno e algunhas persoas máis (LUNA 1996). Cando os membros
da banda fixeron unha viaxe a Andalucía, quedaron abraiados pola luz de
Al-Andalus e quixeron agradecerllo coas súas cancións.
E non se podería rematar esta sección sen facer unha referencia a
«The Magnificent Seven» (1980)
(«Os Sete Magníficos»), unha canción moi discotequeira con ritmo de
rap que foi emitida mesmo por algunhas emisoras negras de Estados Unidos,
un colectivo que comprendía moi ben as súas letras sobre a opresión da
vida diaria: What
do we have for entertainment? Cops
kicking gypsies on the pavement ¿Que
temos para entreternos? Polis
pateando xitanos na rúa A
separación
O final dos Clash chegou en 1986, cando os dous últimos compoñentes,
Jones e Strummer, decidiron disolver o grupo. En 1991, a banda volveu
estar de actualidade debido a que Levis utilizou
o single «Should I stay or should I go»
(«¿Debería quedar ou marchar?»), do ano 1982, para unha campaña
publicitaria. Nese momento, moitos rapaces que non coñecían os Clash,
comezaron a interesarse por eles. Paradoxicamente, o sistema capitalista
que tanto atacaran, estábaos a promover. Do mesmo xeito, os rumores de
que a banda ía retornar á escena medraban. Pero non aconteceu tal e na
actualidade os fundadores dos Clash teñen outras ocupacións. Do que
menos se sabe é de Headon, que segue loitando contra a súa adicción á
heroína. Mick Jones é productor musical e ten un grupo chamado BAD (Big
Audio Dynamite); Paul Simonon dedícase á pintura e Joe Strummer, despois
dalgunha experiencia cinematográfica e algunha xira co grupo The Pogues,
toca nun grupo chamado The Mescaleros. Como el mesmo xura: «A marihuana
consérvame mozo de aspecto e de espírito. Teño 47 pero a xente di que
semello moito máis novo; si, podería pasar por trinta e tantos. Non
fixen nada para estar así. Non me boto crema hidratante. Simplemente fumo
unha chea de porros.» (HOUPT 1999). Mentres
exista un revolucionario, existirán os Clash. A súa música segue viva,
e as súas letras encaixan perfectamente nas críticas á sociedade de
hoxe en día. Unha Babilonia global baseada nun sistema con demasiadas
carencias como para manterse eternamente. Novo milenio. ¿Tempo de Harmaguedón? 1. DISCOGRAFÍA DOS CLASH The Clash, 1977 Give’em Enough Rope, 1978 London Calling, 1979 Black Market Clash, 1980 Sandinista!, 1980 Combat Rock, 1982 Cut the Crap, 1985 The Story of The Clash. Volume 1,
1988 The Singles, 1991 From
Here to Eternity, 1999 (escolma de cancións en directo) Burning
London,
1999 (versións de cancións dos
Clash feitas por varios grupos) 2. FONTES CONSULTADAS - Vídeo HAZAN,
Jack, MINGAY, Davis (1980), The
Clash - Rude Boy, Polygram Video.
- Internet CAWS,
Matthew (1995), «Interview with Mick Jones», Guitar World, decembro. CROMELIN,
Richard (1988), «Strummer on man, God, law - and the Clash», Los
Angeles Times, 31 de xaneiro. GOLDBERG,
Michael (1982), «The Clash - Revolution Rock», Down Beat, decembro. HENKE,
James (1980), «The Clash, tough but tender, they're taking America», Rolling
Stone, abril. HILBURN,
Robert (1984), «A re-formed Clash is back on the attack», Los Angeles Times, 22 de xaneiro. HOUPT,
Simon (1999), «Keeping up with Joe Strummer», The
Globe and Mail, 2 de novembro. MTV
(1991), MTV Rockumentary (Transcripción da reportaxe televisiva por David
Y. Hudson). WEATHERMAN,
Annette, SANDS, Vermilion (1977), «Clash Landing», Search and Destroy, 1977. Artigos
atopados no sitio web London's
Burning: The Clash Music resource, con enderezo: http://www.geocities.com/SunsetStrip/Palladium/1028 REFERENCIAS
BIBLIOGRÁFICAS LUNA,
Sagrario (1996), The Clash,
Madrid: Cátedra. MARCUS,
Greil (1998), Lipstick Traces,
Histoire secrète du vingtième siècle, (Lipstick Traces, A Secret
History of the Twentieth Century), Traducción de Guillaume Godard, Paris:
Editions Allia.
|
Index | Presentación | Hemeroteca | Coordinación | Comité | Ilustración | Contacto