Index | Presentación | Hemeroteca | Coordinación | Comité | Ilustración | Contacto

 

COMITÉ DE REDACCIÓN FUNDACIONAL

 

 

COMITÉ DE REDACCIÓN FUNDACIONAL

Xosé Luís Axeitos, A Coruña (Documentación) 

Vsévolod Bagno, San Petesburgo (Culturas eslavas)

Diana Conchado, Nova York (Inglés e esperanto)

María Lopo, Roazhon, Bretaña (Francés e italiano)

Carme Junyent, Barcelona (Culturas africanas)

Lily Litvak, Austin, Texas (Culturas orientais)

Kathleen N. March, Orono, Maine (Culturas amerindias)

Olga Novo, Santiago de Compostela (Culturas ibéricas)

Carmen Blanco, Lugo (Coordinación)

Claudio Rodríguez Fer, Lugo (Coordinación)

 

DESEÑO DA WEB

Santiago Lopo

 

 

 

Xosé Luís Axeitos, A Coruña (Documentación)  

 

Presentación

            Rianxeiro como Castelao, Dieste e Manuel Antonio, é especialista na obra destes tres autores, aos que dedicou numerosos estudos e edicións. De feito, entre os seus libros centrados na poesía, destaca a súa edición da Poesía Galega Completa de Manuel Antonio e o libro A poética de Manuel Antonio. E entre os seus libros centrados na prosa destacan as súas edicións do epistolario de Dieste e de A fiestra valdeira. Agora ben, Dieste non é máis que un nome entre os dos moitos escritores do exilio que estudou, pois tamén é autor de numerosos traballos sobre Luís Seoane, da edición da poesía completa de Lorenzo Varela e do libro, recén aparecido, O exilio galego: Un mapa de cicatrices.

             Exerce como catedrático de Lingua e Literatura Españolas no Instituto Rafael Dieste e profesor da U.N.E.D. en A Coruña. É editor de autores do século XVIII, como Sarmiento ou Cornide, e frecuente colaborador sobre temas literarios na prensa especializada galega e española. Como analista da poesía galega contemporánea, é autor dunha Antoloxía da poesía erótica e amatoria, así como de varios estudos sobre lírica actual.

             Salienta tamén polas súas aportacións ao estudo do celtismo literario, tema sobre o que publicou traballos no Anuario de Estudios Literarios Galegos e en Unión libre. Cadernos de vida e culturas, e que conecta coa súa última especialización no patriarca da celtofilia galega, o historiador Manuel Murguía, sobre que traballou na súa Fotobiografía e na monumental edición do seu epistolario.

Índice de Comité

 

 

 

 

 

Vsévolod Bagno, San Petesburgo (Culturas eslavas)  

 

Presentación

             Hispanista ruso especialista nas relacións literarias entre Rusia, España e América Latina, é autor e promotor de numerosos traballos e investigacións en dito campo, como mostra a súa monografía sobre Emilia Pardo Bazán y la literatura rusa en España. A súa tese de doutoramento sobre El destino ruso y mundial del mito de don Quijote acredítao ademais como destacado cervantista e deu orixe ao libro El Quijote visto por los rusos e a moitos outros traballos.

            É catedrático da Universidade Estatal de San Petersburgo e director do Departamento de Literatura Comparada no Instituto de Literatura Rusa da Academia Rusa de Ciencias, así como pertence ó Consello Científico de Moenia. Revista Lucense de Lingüística e Literatura, da Universidade de Santiago de Compostela.

            Traduciu ó ruso a numerosos autores españois (Francisco de Quevedo, Ramón del Valle-Inclán) e latinoamericanos (Jorge Luis Borges, Julio Cortázar), así como realizou tamén traducións dende o catalán á súa lingua (Salvador Espriu). Publicou moi diversos artigos sobre as literaturas hispánicas.

Índice de Comité

 

 

 

 

 

Diana Conchado, Nova York (Inglés e esperanto)

 

Presentación

Hispanista norteamericana e profesora no Hunter College da Universidade da Cidade de Nova York. Doutorouse en Brown University cunha tese sobre La Gatomaquia de Lope de Vega, da que se publicou boa parte no segundo número da revista Moenia . Revista Lucense de Lingüística e Literatura, da Univertsidade de Santiago de Compostela, baixo o título de "Ludismo feroz: La Gatomaquia de Lope de Vega y la épica burlesca". É coeditora do libro Telling Tales: Medieval Narratives and the Folk Tradition.

           Filla de esperantistas republicanos de orixe galega e asturiana, coñece e valora o esperanto dende nena. Así mesmo, como galaicista, participou nos Congresos de Estudios Galegos celebrados en Providence (Brown) e Nova York (CUNY), ademais de publicar diversos estudios sobre literatura galega, particularmente de autoría feminina. Entre estes salientan os dedicados, respectivamente, a Rosalía de Castro, "O que perdeu Adán: ausencia y otredad en 'As viudas dos vivos e as viudas dos mortos'", e a Luz Pozo Garza, "Escrita como re-visión: as 'Verbas a Rosalía' de Luz Pozo Garza".

Tradutora de seis idiomas, verqueu ó galego textos de José Ángel Valente no libro Desde mil novecentos trinta e seis. Homenaxe da poesía e da plástica galega aos que loitaron pola liberdade, e o poema de Claudio Rodríguez Fer “A cabeleira (Fragmentos)” no díptico A tola soñando.

Índice de Comité

 

 

 

 

 

María Lopo, Roazhon (Bretaña) (Francés e italiano)  

Bibliografía

Presentación

Naceu en Vigo, pero é licenciada en Filoloxía Francesa pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Literatura Francesa pola Universidade da Alta Bretaña. Viviu varios anos en Francia, onde foi lectora na Universidade da Alta Bretaña, en Rennes, lugar onde se graduou cun estudo sobre o teatro radiofónico de Samuel Beckett, publicado en síntese no libro de homenaxe ao galaicista e hispanista Bernard Le Gonidec, e tamén onde se doutorou cunha tese sobre o poeta francés Guillevic, en boa parte publicada en francés baixo o título de Guillevic et sa Bretagne. Foi profesora de Literatura Francesa na Facultade de Humanidades de Lugo, e é profesora numeraria de ensinanza media.

 Como estudosa interesouse sobre todo pola poesía francesa contemporánea e polo celtismo, incluídas as relacións de Galicia co mundo celta, temas sobre os que publicou escritos en revistas especializadas e na prensa. A súa preocupación pola escritura e a identidade no mundo celta quedou patente na súa coordinación e colaboración do monográfico “Labirintos celtas” de Unión libre e na elaboración dun ensaio xeral sobre o tema identitario, titulado “O lugar”, que encabezou o volume “Indíxenas” dos mesmos cadernos.

Pero, se ben é certo que en Galicia presentou as culturas celtas, en Francia fixo o mesmo coa cultura galega, pois a ela se deben numerosos artigos sobre a mesma en revistas francesas como Celtics, Bretagne ou Cahiers Galiciens-Cadernos Galegos-Kaieroù Galizek, e, sobre todo tres libros ilustrados e titulados Galice & Compostelle, Fisterra e La Galice. Outras áreas da súa investigación son as culturas do exilio republicano en Francia e as súas relacións co Surrealismo francés, a presenza da literatura e da civilización francófonas na poesía contemporánea galega e española e a didáctica da lingua francesa dende unha perspectiva de xénero. Traduciu desde o francés ao galego textos de Henri Meschonnic, Marie de France, Nolwenn Korbell, Anjela Duval, Jean Genet, Rimbaud, Léo Ferré, Joyce Mansour ou Guillevic, e á inversa Voyages à toi de Claudio Rodríguez Fer. En 2008, e froito de varios anos de investigación publicou o libro "Cartas no exilio. Correspondencia entre Santiago Casares Quiroga e María Casares (1946-1949),", que estuda a correspondencia entre Santiago Casares Quiroga e a súa filla, a actriz María Casares. En 2016 publicou O tempo das mareas. María Casares e Galicia.

Índice de Comité

 

 

 

 

 

Carme Junyent, Barcelona (Culturas africanas)

 

Presentación

Filóloga catalana que exerce como profesora de Antropoloxía Lingüística e Lingüística Xeral na Universitat Central de Barcelona. Publicou varios libros en catalán ou traducidos sobre as linguas do mundo e a súa problemática, como Les llengües del mon (traducido como Las lenguas del mundo) ou Vida i mort de les llengües.

Fixo estudos africanos na Universidade de Marburgo, na Universidade de Colonia e na Universidade de California en Los Angeles. Especializada nas linguas e nas literaturas africanas, é autora dos libros Les llengües d’Àfrica e Estudis africans, así como foi coordinadora do monográfico “Negritudes” de Unión libre. Cadernos de vida e poesía, entre outros moitos traballos sobre o tema.

            Comprometida na defensa das linguas en perigo como sociolingüísta, como muller e como cidadá, salienta polo seu labor cívico contra toda clase de abusos de poder nos tres terreos.

Índice de Comité

 

 

 

 

 

Lily Litvak, Austin (Texas) (Culturas orientais)  

 

Presentación

              Norteamericana de orixe báltica e mexicana, doutorada pola Universidade de California en Berkeley. É catedrática de Literatura Española e Latinoamericana da Universidade de Texas en Austin e unha das máis importantes estudosas da literatura finisecular e da cultura popular en todo o mundo. Pertence ó Consello Científico de Moenia. Revista Lucense de Lingüística e Literatura, da Universidade de Santiago de Compostela.

             Aínda que a obra de Lily Litvak non ten fácil resumo, os seus principais libros en España, prescindindo dos aínda moito máis numerosos artigos, son Transformación industrial y literatura en España (1895-1905), Erotismo fin de siglo, Musa libertaria, El cuento anarquista, El sendero del tigre. Exotismo en la literatura española de finales del siglo XIX, El ajedrez de estrellas, La mirada roja, España 1900. Modernismo, anarquismo y fin de siglo, Viajeros españoles del siglo XIX por países exóticos (1800-1913), El tiempo de los trenes, Antología de la novela corta española de entreguerras (1918-1936), Arte, literatura y vida cultural del anarquismo español. (1880-1913), etc.

             Á parte do anarquismo, da viaxe e do exotismo finiseculares, ocupouse ultimamente da pintura do mesmo período, organizando grandes exposicións e catálogos en relación co xardín e coa praia, así como tamén expoñendo e estudando a obra pictórica de Julio Romero de Torres.

Índice de Comité

 

 

 

 

 

Kathleen N. March, Orono (Maine) (Culturas amerindias)  

 

Presentación

            Hispanista norteamericana que exerce como catedrática de Literatura Hispanoamericana na Universidade de Maine. Doutorouse na Universidade de Buffalo cunha tese sobre o novelista peruano José María Arguedas e exerceu a docencia en diversas universidades estadounidenses, á parte de publicar numerosos traballos sobre literatura galega, española e hispanoamericana, e de preocuparse pola cultura amerindia. De feito, coordinou o monográfico “Indíxenas” de Unión libre e traduciu poesía nativo-americana.

            Como galaicista, fundou a Asociación de Estudios Galegos e organizou en 1985 o seu  "Primeiro Congreso", do que editou as actas, así como o libro Homenaxe a Ramón Martínez López, profesor exiliado nos Estados Unidos. Ademais, realizou antoloxías bilingües, con tradución súa ó inglés, do relato breve e da poesía feminina en galego. Especializouse no estudo de Rosalía, a quen dedicou diversos traballos, como o libro De musa a literata. El feminismo en la obra de Rosalía de Castro, e a quen traduciu ó inglés. Inversamente, realizou traducións do inglés ó galego, como a de Sobre o Poder e a Ideoloxía de Noam Chomsky.

            Fixo a escolma An Anthology of Galician Short Stories. Así vai o conto e traduciu ao inglés a Claudio Rodríguez nas revistas Galician Institute e Asheville Poetry Review, así como no seu persoal libro de creación “Entre duas augas”.

Índice de Comité

 

 

 

 

 

Olga Novo, Santiago de Compostela (Culturas ibéricas)

Bibliografía

Presentación

Natural de Vilarmao, Pobra do Brollón (Lugo), é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora numeraria de Literatura Galega en Galicia. Exerceu como lectora na Universidade da Alta Bretaña e actualmente o fai como profesora na Universidade Bretaña Sur.

Como poeta, deuse a coñecer precozmente con A teta sobre o sol, Nós nus e A cousa vermella. Con eles veu tamén Magnalia, libro de arte e poesía compartido con Xoán Abeleira.

Ademais, contribuíu a promover diversas iniciativas culturais, como as revistas Ólisbos, Animal e Unión libre, das que formou parte do comité de redacción, e, en colaboración coa poeta Yolanda Castaño, a revista de creación, fundamentalmente feminina, Valdeleite, presentada nun anticonvencional formato. A súa conexión co feminismo, patente en moitos dos seus escritos, levouna tamén a traducir ao castelán El contradiscurso de las mujeres. Historia del proceso feminista, de Carmen Blanco.

Como ensaísta e estudosa da literatura e das artes, publicou dous libros de análise literaria, Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer, e moi numerosos traballos en revistas e congresos diversos. A súa atención centrouse sobre todo en propostas radicais conectadas co surrealismo, pois escribiu sobre o escritor André Breton, o cantautor Léo Ferré e o pintor Eugenio Granell, e coa temática erótica, como reflicte o seu ensaio “Tratado da pel” en Unión libre. Ademais, interesouse por poetas en lingua portuguesa, como Fernando Pessoa e o surrealista brasileiro Sergio Lima. En 2004 obtivo o Premio Ánxel Fole co libro Uxío Novoneyra. Lingua loaira. Gañou o Premio da Critica española do 2011 por Cráter e en 2012 gañou o Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal, por Leda m' and' eu. Poética erótica medieval galaica: á procura da nosa intrahistoria.

Índice de Comité

 

 

 

 

 

Carmen Blanco, Lugo (Coordinación)

Bibliografía

 

Presentación

Escritora lucense. Como pensadora ensaísta e investigadora tratou os temas de poder, muller, sexo, cultura e literatura, abrindo un camiño libertario cos libros Literatura galega da muller, Escritoras galegas, Libros de mulleres, O contradiscurso das mulleres, Nais, damas, prostitutas e feirantas, Mulleres e independencia, El contradiscurso de las mujeres (versión actualizada da obra homónima traducida por Olga Novo), Luz Pozo Garza: a ave do norte, Alba de mulleres, Sexo e lugar, María Mariño. Vida e obra e Casas anarquistas de mulleres libertarias e Feministas e libertarias. Promoveu o feminismo independente en Galicia dende os anos setenta. Publicou diversos debuxos e deseños nos anos oitenta e relatos dende os noventa, estes reunidos no libro Vermella con lobos, así como a novela Atracción total. Como poeta publicou Un mundo de mulleres e Lobo amor. Utiliza así mesmo o seudónimo de Emma Luaces en homenaxe a Emma Goldman e á súa liñaxe materna. É secretaria da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo e foi membra do Consello da Memoria. Premio Galiza Mártir pola Recuperación da Memoria Histórica.

            Exerce como profesora de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo, pero anteriormente o foi de Lingua e Literatura Españolas de Ensinanza Media e de Lingua e Literatura Galegas tanto de Ensinanza Media como de Maxisterio. Coordina, con Claudio Rodríguez Fer, Unión libre. Cadernos de vida e culturas, onde dirixiu o monográfico “Mulleres escritoras”.

Sobre literatura e cultura galega publicou os libros Conversas con Carballo Calero e Carballo Calero: política e cultura, así como diversas edicións introducidas de autores contemporáneos: Códice Calixtino de Luz Pozo Garza e, en colaboración con Claudio Rodríguez Fer, Con pólvora e magnolias de X. L. Méndez Ferrín e Os eidos de Uxío Novoneyra, a quen dedicou novas obras posteriormente. Así mesmo é autora de numerosos ensaios e estudos en distintos medios periodísticos e libros colectivos.

Índice de Comité

 

 

 

 

 

Claudio Rodríguez Fer, Lugo (Coordinación)

Bibliografía

 

Presentación

           

             Escritor lucense. Como poeta publicou os poemarios eróticos Poemas de amor sen morte, Tigres de ternura, Historia da lúa, A boca violeta e Cebra, reunidos en Vulva e antologados en A muller núa, así como Cinepoemas, Lugo blues, Extrema Europa, A unha muller descoñecida, Moito máis que mil anos (antoloxía céltica efectuada por María Lopo), Rastros de vida e poesía, A loita continúa, Viaxes a ti, Ámote vermella e Unha tempada no paraíso. É autor de diversas obras narrativas -como Meta-relatos ou Os paraísos eróticos- e críticas -como A Galicia misteriosa de Ánxel Fole, Poesía galega, Antonio Machado e Galicia, Arte literaria, A literatura galega durante a guerra civil, Acometida atlántica, Ánxel Fole. Vida e obra, Guía de investigación literaria e máis dunha vintena de edicións en torno a moi diversos autores. Reuniu a súa poesía en Amores e clamores e a súa narrativa en Contos e descontos.

             Foi catedrático de ensinanza media en  Galicia e profesor das Universidades da Cidade de Nova York, da Alta Bretaña, da Bretaña Sur e de Santiago de Compostela, onde se ocupa de Moenia. Revista Lucense de Lingüística e Literatura, e da Cátedra de Poesía e Estética José Ángel Valente, poeta este sobre quen publicou varios libros e edicións. Coordina, con Carmen Blanco, Unión Libre. Cadernos de vida e culturas.

             Entre outras distincións, recibiu, no terreo poético, o Premio da Crítica Española; no investigador, dúas veces o Premio Losada Diéguez; no académico, o Premio Extraordinario de Doutoramento; no cívico, o Premio Galiza Mártir pola Recuperación da Memoria Histórica, e, no internacional, o Doutoramento Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña. Foi traducido a numerosos idiomas e realizou obras cos artistas Granell, Ochoa e Sara Lamas, así como a carpeta A vida. Gravados sobre corpo. Sobre a súa obra publicáronse os libros Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer, de Olga Novo, e Os mundos de Claudio Rodríguez Fer de Natalia Regueiro.

Índice de Comité

 

 

 

 

 

Santiago Lopo, Vigo (Deseño da web)

Bibliografía

 

Presentación

          Naceu en Vigo, e é licenciado en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Foi lector de español na Université du Littoral (Francia), no campus de Boulogne-sur-Mer. Actualmente é profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. Incorporouse a Unión Libre como colaborador no ano 2000.

         Como tradutor, comezou traducindo guións cinematográficos en inglés para televisión, pero os seus traballos máis coñecidos son dúas obras traducidas ó galego de Hervé Guibert, escritor francés víctima da sida, tituladas Citomegalovirus e O meu criado e mais eu. Como autor, en 2006 gañou o VI Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, coa novela Game Over, publicada posteriormente na editorial Biblos. En 2009, publicou Peaxes, na colección de narrativa de Edicións Xerais de Galicia. En 2012 gañou o premio Manuel García Barros coa novela Hora zulú, publicada na editorial Galaxia. En 2014 gañou o premio de Narrativa Breve Repsol coa novela A Diagonal dos Tolos, publicada na editorial Galaxia. En 2015 publicou na editorial Mar Maior a traducción en español de Hora zulú.

        

Índice de Comité

 

Index | Presentación | Hemeroteca | Coordinación | Comité | Ilustración | Contacto