Index | Presentación | Hemeroteca | Coordinación | Comité | Ilustración | Contacto

 

EROTISMOS

NÚMERO 4

 

EROTISMO ESPECIAL

Tratado da pel (De corpos e mentes na éxtase), por Olga Novo

As orixes dos mundos (Poesía visual), por Claudio Rodríguez Fer

Dos hortos de Afrodita en Lesbos. Paráfrases de Safo, por Emma Luaces

Escolma de textos eróticos latinos (Catulo, Ovidio, Petronio e Apuleio), por Aurora López e Andrés Pociña

Suntuosas. As "cortesana honestae" na Italia do Renacemento, por Erika Bornay

A linguaxe do amor e do desexo na obra de Luís Seoane, por Xosé Luís Axeitos

Ánfora, por Luz Pozo Garza (Edición conmemorativa do seu cincuentenario, a cargo de Natalia Regueiro)

Furor Ferré. Catro cancións de amor, de Léo Ferré, por María Lopo

A boca da sombra que te ergue branca, por Sergio Lima

A pluma e o pincel, por Sara Lamas

Eróticas heréticas heteroxéneas, por Carmen Blanco

 

 

 

ERÓTICAS HERÉTICAS HETEROXÉNEAS: POR UNHA FILANTROPÍA FILÓXINA

 por Carmen Blanco  

 

Versión pdf ou para imprimir

Índice de Erotismos

 

                                  

Alcuns dixeren que no havia profit en lo foder en null temps.  

Los que açò dixeren

digueren gran mentida

Speculum al foder

 

The time of my intents are savage-wilde,

More fierce and more inexorable far

Than empty tigers or the roaring sea

William Shakespeare, Romeo and Juliet

 

Je suis venu dans la nuit

Pour barbouiller tout cela

Je suis venu pour ton nom

Pour l'ecrire

Avec du sperme

Boris Vian, Liberté

Dans le rapprochement secret de deux corps humains, toute la Société est toujours en tiers.

Jean Rostand, Bestiaire d'amour

 

Una de las indigencias de nuestros días es la que al amor se refiere. No es que no exista, sino que su existencia no halla lugar.

María Zambrano, Dos fragmentos sobre el amor

 

            Porque seguimos a experimental apertura escéptica do noso Francisco Sánchez sabemos que nada se sabe certo e que quizais o que se ensina non ten máis virtude que a que recibe de quen o ensina. E só así desde este radical relativismo materialista e integral podemos dicir o que hoxe sabemos, máis alá do autoritarismo do dicir das autoridades e das opinións dadas, en realidade, auténticos arcaísmos ideolóxicos.

           

            O saber máis seguro das ciencias da natureza e das ciencias humanas ensínanos que falar de erotismo hoxe é facelo tamén, polo menos, de amor, sexo, pornografía e obscenidade, de corpo, mente, xénero, sexualidade e subxectividade, conceptos que abranguen o continuo dunha complexísima realidade definida na interferencia das persoas e dos poderes no discorrer da existencia da carne e do mundo, é dicir, na historia[i]. Sen dúbida os avances do pensamento progresista que nos deu a posmodernidade evidenciaron esas construccións interesadas dos poderes e dos contrapoderes no transcorrer dialéctico dos distintos códigos eróticos nos que se foron encerrando sucesivamente aquelas palabras e cousas, ensinándonos de paso posibles camiños para saír do encerro e vías alternativas para libertarnos das distintas ataduras identitarias tanto individuais como colectivas.

           

            Por isto, desde a máis absoluta apertura heteroxénea, retomamos os comezos espidos gardados nas etimoloxías primeiras dos vocábulos que nos ocupan e imos en procura do que queda de Eros despois de traspasar todas as formas coñecidas das distintas erotoloxías e todos os sentidos dos diversos códigos amorosos. Orientes e Occidentes, dogmas e herexías, normativas e transgresións, imposicións e contestacións, maiorías e minorías, filias e fobias, correntes cultas e populares, tradicións e vangardas, integracións e disolucións... mostran as infindas variacións do fenómeno erótico.

 

            E desde Galicia[ii], o lugar concreto da historia na que estamos, vemos pasar ao lonxe os efectos do pederasta amor grego, da erótica cortés, da libertina, da romántica, da vangardista e da pornográfica, como vemos quedar os pousos materialistas e expansivos do entusiasmo da paixón pagá dos ritos orxiásticos, xunto ás pegadas idealistas ascensoriais do uranismo platónico, da contradictoria carnalidade mesiánica do conxugal amor bíblico e da tráxica escisión cristiá da boa alma con ás e a mala besta do corpo. Vemos tamén todo o peso dos poderes que impoñen o seu imperio por riba dos imperativos das paixóns que tratan de abrirse paso e vemos ademais o profundo arraigo patriarcal da misoxinia en homes e mulleres, independentemente da súa opción sexual, por mais que os homes que aman as mulleres e as mulleres que aman as mulleres avoguen por unha filantropía filóxina.

 

            A dominante concepción idealista, escindida e dicotómica do mundo viviu traxicamente a dialéctica entre Eros e Thanatos, mais o materialismo integrador aceptou a diversidade creativa e destructiva do proceso vital e tratou de apegarse ao que cría máis libre e necesario segundo a natureza e apartarse do que aparecía imposto pola historia innecesaria. Amor e morte atópanse á par desde os antigos ritos funerarios con cerimonial de sexo sagrado ata os crimes cotiáns e actuais dos brutais amores que matan. Porque é forte o amor como a morte, di o Cantar dos Cantares, e porque o que sabe amar aprende a morrer, como lembra María Zambrano. Por isto sempre o progresismo profundo tivo o optimismo de procurar o pracer e a felicidade humanas denunciando a imbecilidade política e furando as tebras morais que conducían ao pesimismo, para estudiar as atraccións dos corpos e buscarlles o lugar que non tiñan. A Harmonía universal de Fourier -de quen tomamos os termos de imbecilidade e escuridade políticas- é a utopía erótica máis emblemática e, máis alá da súa concreta codificación, responde ao principio libertario do desexo do ser humano reconciliado consigo mesmo e liberado das tiranías que celebrarán as sucesivas revolucións nos seus momentos máis explosivos e exaltarán as artes máis abertas.

 

            Fronte á tristeza da morte, a alegría da vida. Contra as opresións do poder as liberdades do sexo. Así é Eros. Por isto, con amor e con humor, sexualmente, é dicir, con todo o seu ser, Boris Vian atrévese a afirmar na súa conferencia "Utilité d'une littérature érotique" o uso revolucionario da literatura lasciva:

   

Et puisque l'amour, qui est tout de même, je le répète, le centre d'intérêt de la majorité des gens sains, est barré et entravé par l'État, comment s'étonner que la forme actuelle du mouvement révolutionnaire soit la littétature érotique? 

(...)

Oui, les vrais propagandistes d'un ordre nouveau, les vrais apôtres de la révolution future (...) sont les auters dits licencieux. Lire des livres érotiques, les faire connaître, les écrire, c'est préparer le monde de demain et frayer la voie à la vraie révolution[iii].

 

            Todo isto está na fermosura das palabras orixinarias. A alegría, a diversión e o desenfreo da lascivia; a exuberancia, a profusión, a abundancia e o exceso da luxuria; a compracencia no pracer da voluptuosidade; o gozo sensual dos sentidos. A relaxación do disoluto; a afección do vicio; os desexos, os antollos, os caprichos libidinosos... A excitación pornógrafa e obscena do pracer dos homes e das mulleres. A liberdade da vida discorrendo líquida e libre, como auga e como os fluídos dos sangues, dos suores, dos leites, das lágrimas, dos fluxos. Eros é de natureza líquida no Banquete de Platón. E o deus Fascinus facía fuxir todo mal: hic habitat felicitas era o seu lema anunciado polo falo nas paredes de Pompeia, por exemplo, como a doación de vida plena das deusas prehistóricas era evocada polas vulvas, pozas e buratos das pedras de todo o mundo.

 

            Sabemos pola historia que a apertura aos praceres múltiples máis alá de normativas e códigos foi tamén posible. E foron posibles a variación e a repetición, os canons e as rupturas. Porque as unións viñan unhas veces da memoria do pracer que fixaba os goces da parella canónica das orixes da vida e viñan outras dos desexos da imaxinación que non quere límites e si quere lúdica e multiplicaba as rupturas e as perversións todas. Todo era posible na liberdade. Na núa e soa liberdade de cada quen. Non. Nada que non queiras. Si. Todo o que queiramos. Non. Nunca cando non queiras. Si. Sempre cando queiramos.

 

            Mais a nuez é un longo camiño solitario sen resultado seguro e desde logo nunca xamais se nos dá de inmediat. Na soidade de cada quen co seu sexo son múltiples os sentidos do nós nus que di Olga Novo, porque nós é o mundo social que temos, aínda que nós sexa tamén o mundo particular que creamos e sexa case inalcanzable o nus sós, do que sabe meu amigo, porque os poderes non queren deixarnos nunca sós, na independencia e a liberdade radicais do nós e o nus que queiramos.

 

            Os cárceres do mundo son tamén os cárceres do amor e coñecemos os seus muros. Contra eles erguéronse fortes defensas. A negación do amor e a negación do sexo foron dúas das súas vías extremas. Pero Eros sempre se rebelou contra esas armas porque nada hai máis forte que a paixón erótica, atracción salvaxe e incombatible que quere mellor a pulsión do sexo e a pulsión do amor nacidas xuntas do corpo todo, da pel da carne, do que se di corazón e do cerebro, da persoa toda material porque a alma parece que non existe. Sócrates no Fedro de Platón fala contra a falsidade do eros do amigo sen amor e Andy Warhol contra a conxunción de amor e sexo persoal. A alegoría helenística di que Anteros, o amor recíproco, medra en compañía de Eros. A exaltación amorosa pode ser o mellor afrodisíaco, mais sen dúbida tamén o desamor pode resultar o mellor antídoto erótico e non parece sensato cultivar os amores non correspondidos. Contra o control represivo que se atreve a xulgar a natureza das unións opoñamos a liberdade erótica das persoas para escoller entre todas as múltiples posibilidades de unión. E que non se poda dicir con fundamento que non sabemos nada do amor. Pois do amor nada se sabe nunca. Só isto sabemos. Quid?

 

                                                                                      



[i]. Véxase unha explicación máis pormenorizada destes temas no escrito "Lume xelado" de Mulleres e independencia (Do Castro, Sada, A Coruña, 1995) e nos apartados sobre a construcción do suxeito en O contradiscurso das mulleres (Nigra, Vigo, 1995) e na versión castelá ampliada El contradiscurso de las mujeres (Nigra, Vigo, 1997).

[ii]. Témonos tracexado de maneira aproximada algunhas das liñas eróticas presentes na nosa literatura nos artigos "Amigas e amantes" (La Voz de Galicia, 12, maio, 1998) e "A casamenteira galaica" (La Voz de Galicia, 27, abril, 1999).

[iii]. Boris Vian, Écrits pornographiques, Chistian Bourgois, Paris, 1980, pp. 35-36.

 

 

Versión pdf ou para imprimir

Índice de Erotismos

 

 

Index | Presentación | Hemeroteca | Coordinación | Comité | Ilustración | Contacto